Historia II. Os anos 20
Este traballo é a parte que se refere a Sociedade de Gresande,
de un traballo publicado, fai unhos catro anos, por o investigador lalinense Manuel
Igrexas, que titulaba Agrarismo e Política
no Deza (1918-1923)
Trala paréntese da guerra europea comeza o período de apoxeo
organizativo do agrarismo en Galicia. Ás sociedades agrarias existentes na
Comarca do Deza desde os anos dez encabezadas pola máis potente de todas, a
Sociedade de Gresande, únense agora novas agrupacións. En 1920 CatasósMoneixas,
Agolada e Pescoso (Rodeiro). Ao ano siguente Camba, Asperelo, Río (Rodeiro),
Dozón, Bermés, Balouta (que agrupa aos labregos de Muimenta,
Cadrón, Parada e Alperiz) Filgueira, Silleda e O Castro (Silleda). Xa en 1923 unha grande maioría dos
labregos da comarca están organizados.
As reivindicacións agrarias pasaban pola mellora nas condicións de
venda dos seus produtos, a organización de cooperativas para adquisición de
artigos de primeira necesidade, a reclamación sobre o funcionamento das escolas
do Estado e a creación de escolas neutras, a esixencia de que os representantes
no concello, deputación e congreso fosen xenuínos e elixidos libremente e,
naturalmente, a redención dos foros.
O apoio dos emigrados en Cuba e Arxentina será decisivo neste proceso.
Como culminación, as sociedades deciden coordinarse formando unha Federación. O
proceso está cheo de atrancos por parte das autoridades locais, de feito, a
reunión convocada para confeccionar o Regulamento foi abortada pola Garda civil
e os líderes agrarios tiveron que facela clandestinamente no monte.
A Federación de las Sociedades Agrícolas del Partido Judicial de
Lalín formalízase finalmente o 11 de decembro de 1921 coas sociedades de
Gresande, Vilanova, Prado, Bermés, Anzo, Filgueira, Balouta, Goiás, Botos e as
dos concellos de Dozón e Agolada. Elíxese como presidente ao avogado Samuel
Goyanes Crespo e vicepresidente a Ramón Fernández Villar,
da sociedade de Gresande, sendo o secretario o presidente dos de
Vilanova-Doade, Gonzalo López.
Conscientes da súas forzas, os agrarios inician unha fase máis
política, de decidida loita contra o caciquismo, e preséntanse ás eleccións
municipais ou apoian a candidatos vinculados ao movemento para deputados a
Cortes e provinciais. A presión política dos agrarios déixase sentir en Lalín
nas queixas contra o presuposto municipal de 1921. O concello fai constar que “obedece todo esto a la presión ejercida por
las Sociedades y Sindicatos existentes en este Ayuntamiento que traen
trastornado al país con sus aspiraciones políticas”. Durante ese ano
sucédense as concentracións como a celebrada en Vilanova en abril, na que o
sindicato católico-agrario logra atraer a todos os labregos da contorna, ou a
da parroquia de Siador en xuño con representación da Federación Agraria da
Estrada. Ao mes seguinte ten lugar en Dozón unha arenga redencionista
organizada pola sociedade agraria.
Debuxo de varios oradores no Congreso
Regional Agrario de Tui, en 1922.
O asalto ao poder municipal
A proba de lume son as elección municipais de 1922, que teñen lugar o
5 de febreiro. Os agrarios presentan candidaturas en Silleda, Lalín, e Agolada,
obtendo un soado triunfo en todas elas, pero aínda así non logran facerse co
goberno dos concellos. Os atropelos dos caciques, apoiados polo Marqués de
Riestra, conseguen desfacer ou neutralizar a vitoria dos societarios.
En Lalín, onde se empregaron todas as artimañas para evitalo
(destrución de colexios, enfermidade dos presidentes, demostración da Garda
civil para amedrentar aos labregos), gañan nas eleccións os agrarios que se
presentan por medio da Federación, sendo o seu presidente, Samuel
Goyanes, o candidato a alcalde. O resultado foi que de 11 concelleiros a
elixir, 8 foron para os societarios fronte a 3 para os seguidores do cacique
Antonio Crespo. Estes 8 sumados aos 4 que tiñan das anteriores eleccións
dábanlle a maioría na corporación. Con todo, á hora da votación, cambian de
candidato á alcaldía, ofrecéndolle o posto a Cándido Soto. Ante o
revés nas súas aspiracións políticas, Goyanes e outro concelleiro agrario
pásanse ao bando de Crespo, frustrando así un posible goberno anticaciquil.
Samuel Goyanes (por certo, sobriño de Crespo) obtén como recompensa o
nomeamento de 1º Tenente Alcalde.
A historia non remata aquí, xa que o candidato oficial a deputado en
Cortes, Manuel Saínz de Vicuña, consciente de que sen o apoio do
movemento societario ía ser imposible a súa reelección en 1923, pacta cos
agrarios a cambio de conseguir o nomeamento de Cándido Soto como alcalde por
decreto. Soto toma posesión o 8 de febreiro acompañado das palabras de Ramón
Fernández de Gresande: “al fin hemos llegado al poder”, e Saíz de Vicuña é
proclamado deputado en aplicación do célebre artigo 29 (é o único candidato) en
abril, pero o movemento agrario queda definitivamente tocado. Pero o
enfrontamento interno e as presións da trama clientelar coa axuda do clero
dificultan o traballo municipal no curto período de poder agrario, posto que en
setembro dese ano Primo de Rivera proclama a ditadura e cesa a todas as
corporacións locais.
A crónica de todo este proceso puideron seguila os dezaos a través das
páxinas do quincenal Verdad y Justicia, voceiro dos
agrarios, do que por desgraza non se conserva ningún exemplar, fundado en abril
de 1922 polos retornados cubanos Jesús Iglesias Surribas, (moi comprometido coa Sociedade de Gresande) e Máximo
López,. Nelas poderíase ler as novas do Congreso Regional Agrario de Tui de
xullo de 1922 coas palabras do representante do Deza, Jesús Filloy nado en Cortegada e integrado na
Sociedade de Gresande, que no mitin de clausura proclamou:
"Hubo un día en que me avergoncé de ser gallego, por la falta de
energía, por la humillación y por la pasividad del pueblo gallego. Hoy me
siento orgulloso de serlo y en voz alta proclamo el pujante resurgir de
Galicia."
No hay comentarios:
Publicar un comentario